A celebración das Letras Galegas enche Mera e Nós de actividades

ACoruñaXa
Mera e San Pedro de Nós acollerán dúas propostas festivas e culturais os días 16 e 17 de maio, con actuacións, obradoiros e actividades abertas á veciñanza
OLEIROS festivais letras galegas 2026
15 May 2026

As Letras Galegas terán este ano unha dobre celebración en Oleiros con dúas citas pensadas para reunir á veciñanza arredor da música tradicional, a cultura popular, a participación social e a homenaxe á escritora Begoña Caamaño, autora á que estará dedicada a edición de 2026.

A primeira das actividades será o sábado 16 de maio no parque da Lagoa de Mera, onde se celebrará o I Festival das Letras Galegas a partir das 12.00 horas. A xornada incluirá sesión vermú, callos, música e baile, nun programa no que participarán a Agrupación Cultural A Marola, AC O Amanexo, Tremenda Tremolina e Os Parrafeiros.

O festival terá tamén unha vertente solidaria coa venda de xoias de refugallo elaboradas ao longo do curso polo alumnado de 5º de Primaria do CEIP Luís. A recadación destinarase integramente a Aspronaga Oleiros. A cita está organizada pola Asociación Veciñal San Cosme de Maianca.

A celebración continuará o domingo 17 de maio na Casa do Pobo de San Pedro de Nós. A partir das 11.30 horas actuarán as pandereteiras e pandereteiros de ‘Nós Canta’ e ‘Os Rueiriños’, ademais da coral ‘Airiños de Nós’. Ao rematar as actuacións haberá un obradoiro de barro e sortearase un libro da escritora homenaxeada.

Esta segunda proposta está organizada pola Asociación Veciñal Os Rueiros, coa colaboración do Concello de Oleiros, e busca converter a xornada das Letras Galegas nun encontro de convivencia, tradición e creación para todas as idades.

0.11663603782654