A catedrática da UDC María Antonia Señarís, primeira galega en ingresar na Real Academia de Ciencias

ACoruñaXa
A investigadora ocupará a área de Química do Estado Sólido e traballa en materiais ecolóxicos que substitúan os gases actuais
Dra María Antonia Señarís
10 Dec 2024

A catedrática de Química da Universidade da Coruña (UDC), María Antonia Señarís Rodríguez, ingresará este mércores, 11 de decembro, na Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España (RAC), converténdose na primeira galega en ser académica numeraria desta institución. Señarís ocupará a área de Química do Estado Sólido e recibirá a medalla número 52, froito dunha proposta presentada polos académicos Miguel Ángel Alario, Arturo Romero e Juan Rojo.

Natural de Santiago de Compostela, Señarís (1965) destaca no desenvolvemento de materiais refrigerantes alternativos aos gases actuais, unha proposta máis ecolóxica que podería revolucionar o sector. No acto de ingreso, que se celebrará ás 18:00 horas na sede da RAC, en Madrid, a científica pronunciará o discurso titulado “De la Química del Estado Sólido a las perovskitas y otros materiales de interés tecnológico”.

A resposta ao seu discurso será lida por Arturo Romero, en representación do falecido Miguel Ángel Alario, un dos impulsores da súa candidatura. Co ingreso de Señarís, a RAC suma 13 académicas numerarias dun total de 55, fortalecendo a presenza feminina nunha institución creada en 1847 para promover o avance das ciencias e asesorar ao Goberno en cuestións científicas e tecnolóxicas.

O acto poderá ser seguido en directo a través do canal de YouTube da RAC.

⚙ Configurar cookies
0.09930419921875