A Catedral de Santiago acolle este 25 de xullo a tradicional Ofrenda ao Apóstolo no Día Nacional de Galicia

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Miguel Ángel Santalices exercerá como delegado rexio nunha cerimonia que reunirá a autoridades civís, militares e relixiosas na capital galega
catedral-del-santiago-de-compostela
24 Jul 2026

A Catedral de Santiago volverá ser este sábado, 25 de xullo, o escenario principal dos actos institucionais e relixiosos do Día Nacional de Galicia coa celebración da tradicional Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago. A cerimonia, un dos eventos centrais desta xornada festiva, comezará ás 10.30 horas e estará presidida polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández.

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, será o encargado de exercer como delegado rexio, unha responsabilidade que asume por cuarta vez tras desempeñar este papel en anteriores edicións da ofrenda.

A programación oficial arrancará ás 10.10 horas na Praza do Obradoiro, onde terá lugar a recepción das autoridades, a rendición de honras e a revista ás formacións participantes. Neste acto tamén participará a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. Posteriormente realizarase o izado e retirada da bandeira, o saúdo ás autoridades e a formación da comitiva oficial, que accederá á Catedral pola escalinata principal para asistir á celebración litúrxica.

Ao remate da cerimonia relixiosa, previsto arredor das 12.15 horas, a comitiva trasladarase ao Pazo de Raxoi, onde Miguel Ángel Santalices asinará no Libro de Honra do Concello de Santiago.

Na celebración participarán representantes das principais institucións galegas e estatais, ademais de autoridades militares e eclesiásticas. Entre os asistentes confirmados figuran o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; e membros da corporación municipal compostelá.

Ademais da Ofrenda ao Apóstolo, a Catedral manterá durante toda a xornada a súa programación habitual coas misas do peregrino, previstas para as 13.00, 16.00, 17.00, 18.00 e 19.30 horas, nun dos días de maior afluencia de fieis e visitantes á capital galega.

0.12765312194824