A Casa Museo María Pita exhibe a nova obra de Xulia Pisón dentro de Viñetas desde o Atlántico

A Casa Museo María Pita abriu este xoves as portas á exposición ‘Stons’, o novo proxecto da ilustradora e autora de banda deseñada coruñesa Xulia Pisón, unha proposta que se integra tanto na programación de Viñetas desde o Atlántico como na novena edición do ciclo Elas Son Artistas. A mostra permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 27 de setembro.
A inauguración contou coa presenza do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro; da propia artista; e do director artístico e responsable de produción de Elas Son Artistas, Tomi Legido. O acto completouse cunha actuación musical a cargo da cantante MJ Pérez.
A exposición reúne unha selección de pranchas pertencentes ao novo cómic de humor autoeditado por Xulia Pisón, unha creadora que ao longo da súa traxectoria desenvolveu traballos no ámbito da ilustración, os fanzines, a divulgación científica e a banda deseñada.
Durante a presentación, Gonzalo Castro destacou a colaboración entre dous dos programas culturais máis representativos da cidade, sinalando que esta unión permite crear sinerxías entre diferentes disciplinas artísticas e ampliar as oportunidades de difusión para as creadoras galegas.
O edil tamén puxo en valor o papel de Elas Son Artistas, iniciativa que desde 2018 promove a visibilidade das mulleres no ámbito cultural, e subliñou a importancia de incorporar a ilustración e o cómic a este espazo de promoción da igualdade e da creación contemporánea.
Así mesmo, Castro destacou a traxectoria de Xulia Pisón, formada na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña e gañadora do primeiro premio do certame Xuventude Crea de Banda Deseñada en 2015. Entre os seus traballos figuran proxectos como Microalgas e a novela gráfica Irene a porteira, publicada en 2023 xunto ao guionista Óscar Losada.
A exposición forma parte da programación previa á semana central de Viñetas desde o Atlántico, que se celebrará entre os días 10 e 16 de agosto, estendendo a presenza do festival a distintos espazos culturais municipais.
Desde o Concello da Coruña tamén se incidiu na vontade de consolidar as casas museo como espazos activos para a creación artística contemporánea, favorecendo o encontro entre patrimonio, cultura e novas expresións creativas. Neste contexto, a colaboración entre Viñetas desde o Atlántico e Elas Son Artistas reforza a aposta municipal por unha programación transversal que fomente o diálogo entre disciplinas e contribúa a consolidar a cidade como un dos grandes referentes culturais de Galicia.