A Casa Museo María Antonia Dans de Curtis inaugura a exposición fotográfica 'De cando as vacas son vacas'

A Casa Museo María Antonia Dans de Curtis acolle dende esta semana a exposición fotográfica 'De cando as vacas son vacas', unha mostra do autor José Luis Míguez que foi inaugurada este 9 de xaneiro coa presenza da conselleira do Medio Rural, María José Gómez. Ao acto tamén acudiron o alcalde de Curtis, Javier Cainzos, e concelleiros do equipo de goberno, entre outras persoas.
Durante a inauguración, Gómez destacou o compromiso da Xunta cos entornos rurais a través de iniciativas culturais coma esta, que contan co apoio da Consellería. A responsable autonómica felicitou o Concello por impulsar propostas que poñen en valor o rural galego e recoñeceu o traballo do fotógrafo por amosar un rural 'tan verdadeiro' no que, ao seu xuízo, 'tamén hai moito futuro'.
A exposición reúne máis de 50 fotografías nas que se retrata a convivencia co gando e a conexión cotiá que se establece con estes animais. Ademais, a mostra ten carácter itinerante, polo que tras a súa estadía en Curtis viaxará a outros concellos galegos.
'De cando as vacas son vacas' poderá visitarse durante xaneiro, febreiro e marzo. O horario de apertura será de martes a venres, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00, e os sábados e domingos, de 10.00 a 13.00.