A Casa Museo Casares Quiroga acolle a exposición ‘Xeometrías’ de Josecho González

ACoruñaXa
O pintor carballés adoita xogar coas cores e as formas xeométricas como método de expresión
Xeometrías Coruña
Xeometrías Coruña
2 feb 2024

A Casa Museo de Casares Quiroga acolle a mostra 'Xeometrías' do artista carballés Josecho González, que recompila preto de 20 obras nas que o pintor xoga coas cores e as formas xeométricas como método de expresión. A exposición estará aberta ao público hasta o próximo 3 de marzo.

O concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, interviu este xoves durante a inauguración e destacou a traxectoria de Josecho González pola súa formación autodidacta e espírito artístico vangardista. "Josecho conxuga xeometría e vangarda para dar paso á abstracción, atopando unha forma de expresión única e diferente que caracteriza toda a súa obra", sinalou.

A través de formas definidas pola composición minimalista e harmoniosa, cada unha das súas composicións exprésase como unha obra en si mesma e non como unha representación dun concepto externo. A aposta pola cor e o fondo como protagonistas absolutas da pintura deixa que sexa a propia arte a que fale e non o espectador.

Josecho González participou en máis de 30 exposicións, nove delas individuais das que a maioría foron na propia cidade da Coruña. Destaca a súa contribución nas exposicións portuguesas da XXIII edición Góisdoroso Arte 2019 en Góis, na mostra de arte contemporánea 'Art in lima 2021' en Ponte da Lima; e na Galería 'Days Are' de Porto.