A Casa dos Xoguetes da OMIC pecha a recollida tras superar as 10.000 doazóns

A campaña solidaria da Casa dos Xoguetes, impulsada polo Concello da Coruña a través da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), pecha este ano a recepción de doazóns tras superar a barreira das 10.000 achegas. O goberno local explicou que a medida responde a cuestións de capacidade e ao obxectivo de garantir que cada xoguete poida ser xestionado ‘co coidado que merece’.
Aínda así, a iniciativa non baixa a persiana de todo. A Casa dos Xoguetes seguirá operativa ata o 3 de xaneiro, aínda que xa só para a retirada de agasallos por parte das familias que o necesiten.
A Casa dos Xoguetes está situada na sede da OMIC, na rúa Costa da Palloza, 8, e nace co propósito de fomentar a economía circular e o consumo responsable, dándolle unha segunda vida aos xoguetes en bo estado.
En edicións anteriores, o Concello xa destacara o crecemento da campaña e o seu impacto social, coa recollida de miles de obxectos e un sistema de intercambio baseado en cupóns para facilitar a reutilización.
Ademais do intercambio e a distribución de xoguetes, a programación desta edición incluíu actividades gratuítas para nenas e nenos, como obradoiros creativos e propostas lúdicas (contacontos, debuxo colaborativo ou xogos), que se desenvolveron durante o Nadal no propio espazo.