A Casa do Pescador en Miño acolle aos primeiros emprendedores no seu espazo coworking

ACoruñaXa
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, visitou a semana pasada este espazo, cuxa posta en marcha está financiada con fondos da Deputación dá Coruña e do GALP Golfo Ártabro Norte
Imaxe dos emprendedores na Casa do Pescador de Miño
1 Xul 2024

Os espazos de traballo do coworking da Casa do Pescador de Miño xa albergan aos seus primeiros emprendedores. Coas primeiras reservas bota a andar unha iniciativa que busca impulsar as actividades de novas empresas ou persoas autónomas no municipio.

Esta aula dispón de todo o equipamento necesario para que novos negocios dean os seus primeiros pasos. Ademais, tamén é un espazo ideal para persoas que non desenvolvan unha actividade empresarial pero necesiten un espazo de forma puntual para traballar.

Este espazo está recentemente rehabilitado grazas a unha subvención do GALP Golfo Ártabro Norte e posta en marcha grazas a fondos da Deputación da Coruña, que financiará o gasto corrente derivado da actividade.

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, achegouse ata a Casa do Pescador para falar cos tres primeiros emprendedores que fan uso deste recurso. O rexedor aproveitou para preguntarlles sobre a adaptación dos recursos ás súas necesidades e para felicitalos por seguir apostando pola creación de riqueza no concello.

Faraldo afirmou que “a Casa do Pescador ofrece un espazo idóneo e totalmente equipado para quen queira emprender, de xeito autónomo ou creando unha nova empresa e que supón a iniciativa de fomento do emprego máis potente impulsada polo Concello nos últimos anos”.

As persoas interesadas en acceder a este recurso deberá facelo a través da web do Concello de Miño. Alí atoparán as instrucións deste espazo e o impreso de solicitude necesario para a reserva, que se fará a través da Sede electrónica. Tamén poden solicitar máis información nos teléfonos 981 782 659 ou 981 784 405.

 

0.17404794692993