A casa do Concello de Bergondo reforza a súa eficiencia térmica

ACoruñaXa
As obras de reforma da casa do concello afectarán temporalmente á localización dalgúns servizos municipais. Nestas primeiras semanas este será o caso de Padrón e tamén da Alcaldía
Imaxe das obras na Casa do Concello de Bergondo
Imaxe das obras na Casa do Concello de Bergondo
23 feb 2024

Esta semana comezaron as obras para levar a cabo o proxecto do Concello de Bergondo de mellora da eficiencia enerxética da casa do concello, que permitirá transformar o edificio para facelo máis eficiente e moderno. Con motivo das obras de reforma da casa do concello haberá algúns servizos municipais que sufran modificacións en canto á súa localización. Nestas primeiras semanas este será o caso de Padrón e tamén da Alcaldía.

Desde o goberno local piden “desculpas polas posibles molestias que, como ocorre con todas as obras, poida ocasionar esta situación aos veciños” e explican que “é un proxecto moi necesario, que beneficiará ao persoal municipal pero tamén aos cidadáns nas súas xestións diarias”.

O orzamento desta actuación é de 457.015,95 euros e está financiado a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos do Goberno (PIREP), incluído no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR).

Os traballos inclúen a mellora total da envolvente térmica. Isto fárase: renovando o illamento exterior de fachadas e cubertas, intervindo nos ocos existentes na fachada, substituyendo a carpintería exterior e instalando protección solar con persianas interiores, recercados exteriores e dispositivos de lamas fixas.

Doutra banda, tamén se renovarán as instalacións térmicas, habilitando calefacción e refrixeración mediante aerotermia e executando paneis fotovoltaicos. Prevese a substitución das luminarias interiores e exteriores existentes por outras de tecnoloxía LED e a habilitación de sistemas de aproveitamento de luz natural.

Tal e como se establece no proxecto estes traballos conseguirán reducir nun 94,3% o consumo de enerxía final, o consumo de enerxía primaria non renovable e as emisións de CO2.

Ademais, aproveitarase para realizar unha mellora técnica, estética e funcional, exterior e interior, da casa do concello, achegando racionalidade, flexibilidade e funcionalidade mediante a reorganización de espazos e percorridos, moi necesarios dada a tipoloxía da edificación, que data do ano 1970. Doutra banda, poténciase a súa integración na contorna e a paisaxe.