A Casa das Ciencias da Coruña inaugura a exposición “Eclipse de Viñetas” de banda deseñada

A Casa das Ciencias acolle desde este 3 de xullo a exposición “Eclipse de Viñetas”, a primeira mostra da presente edición do festival de banda deseñada Viñetas desde o Atlántico. A iniciativa, organizada polo Concello da Coruña en colaboración co festival e os Museos Científicos Coruñeses, reúne o traballo de nove creadoras e creadores vinculados á cidade e dun artista convidado para ofrecer unha visión artística e divulgativa sobre o fenómeno das eclipses.
A inauguración contou coa participación do primeiro tenente de alcaldesa, José Manuel Lage, do responsable dos Museos Científicos Coruñeses, Marcos Pérez Maldonado, e do director de Viñetas desde o Atlántico, Manel Cráneo, ademais de varios dos artistas que forman parte desta mostra colectiva.
Durante o acto, Lage destacou a capacidade do festival para colaborar con outras iniciativas municipais e ampliar os seus ámbitos de actuación. O edil sinalou que Viñetas desde o Atlántico “amosa unha vez máis a versatilidade que lle encargamos á súa dirección desde o Goberno de Inés Rey”, ao tempo que puxo en valor a súa integración no programa “A Coruña CidadEclipse” e a colaboración cos Museos Científicos Coruñeses para ofrecer unha proposta cultural e divulgativa arredor dun acontecemento astronómico de grande relevancia.
Pola súa banda, Manel Cráneo agradeceu o respaldo do Concello e o traballo das entidades colaboradoras, subliñando que esta cooperación está a contribuír ao fortalecemento e crecemento do festival nesta nova etapa.
A exposición ten como principal obxectivo achegar ao público a importancia histórica, social e científica das eclipses a través da banda deseñada, utilizando unha linguaxe visual accesible para todas as idades. A proposta pretende divulgar o coñecemento científico dun xeito próximo e ameno, combinando entretemento e aprendizaxe.
Os visitantes poderán descubrir obras orixinais de Xulia Vicente, Luis Yang, Uxía Larrosa, Marcos Calo, Xulia Pisón, Diego Burdío, Paula Mayor, Jorge Peral e Paula Esteban, autores e autoras que abordan diferentes aspectos relacionados coas eclipses, desde a súa influencia na sociedade, a arte e a cultura ata os avances científicos que permitiron afondar no coñecemento deste fenómeno astronómico.
A mostra complétase coa participación especial do autor valenciano Jordi Bayarri, recoñecido polo seu traballo na divulgación científica a través da banda deseñada e polas súas biografías ilustradas dedicadas a figuras como Isaac Newton, Galileo Galilei, Albert Einstein, Aristóteles ou Marie Curie.
“Eclipse de Viñetas” constitúe unha singular fusión entre ciencia e creación artística que reforza a conexión entre os Museos Científicos Coruñeses e o festival Viñetas desde o Atlántico. A exposición ofrece, ademais, unha testemuña gráfica dun acontecemento astronómico de alcance internacional no que A Coruña ocupa un lugar destacado, consolidando a cidade como un referente na divulgación científica e cultural.