A Casa da Cultura de Sada acolle unha mostra colectiva de apoio a Palestina

A Casa da Cultura de Sada acolle desde esta semana a mostra colectiva 'Arte por Palestina', unha exposición que reúne pezas creadas desde o compromiso social dos seus autores e autoras, xunto con carteis elaborados para diferentes iniciativas de apoio á poboación palestina e pancartas empregadas en mobilizacións dos últimos anos.
A inauguración contou coa participación de Francesca Nandin, activista de Prisoners for Palestine e integrante de Palestine Action, quen compartiu a súa experiencia persoal e o labor desenvolvido polos movementos internacionais de solidariedade con Palestina.
Durante o acto, o alcalde de Sada, Benito Portela, puxo en valor o papel da cultura como ferramenta para fomentar a conciencia crítica, o compromiso social e a defensa dos dereitos humanos. O rexedor agradeceu o traballo das persoas organizadoras, o Comité de Defensa con Palestina, así como a implicación dos artistas participantes.
Portela sinalou tamén que a Casa da Cultura continuará aberta a propostas que contribúan a visibilizar realidades silenciadas e a promover unha cidadanía máis crítica e comprometida. Na súa intervención, reivindicou a tradición solidaria de Sada e apelou á importancia de non caer na indiferenza fronte ás inxustizas.
O alcalde remarcou, ademais, o compromiso do goberno local coa causa palestina e defendeu a necesidade de seguir impulsando desde as institucións municipais a paz, a xustiza internacional e a defensa dos dereitos humanos.