A Carreira Popular de Betanzos abre inscricións para a súa 26 edición

A XXVI Carreira Popular de Betanzos xa abriu o prazo de inscrición para participar na cita deportiva, que se celebrará o domingo 23 de agosto e volverá combinar deporte, tradición e convivencia nun dos eventos máis consolidados do calendario estival da cidade.
A programación inclúe carreiras para diferentes categorías segundo a idade dos participantes, desde a categoría pitufo ata cadete, ademais da proba absoluta de 5 quilómetros e dunha andaina popular da mesma distancia, aberta a persoas de todas as idades.
As probas para as categorías de menores comezarán ás 10.30 horas, mentres que a saída da carreira absoluta está prevista para as 11.00 horas e a da andaina para as 11.05 horas. Tanto a saída como a chegada estarán situadas na Porta da Vila.
As distancias adaptaranse á idade dos participantes. Os máis pequenos percorrerán 200 metros, as categorías infantís afrontarán percorridos de 600 e 1.200 metros, mentres que a carreira popular e a andaina completarán un trazado de 5 quilómetros.
As persoas interesadas xa poden formalizar a súa inscrición a través da plataforma habilitada pola organización. A carreira está promovida polo Concello de Betanzos e busca reunir tanto a atletas habituais como a participantes afeccionados e familias nunha xornada na que o deporte volverá ser protagonista nas rúas da cidade.