A Carreira e Andaina Camiños da Vía Verde busca superar os 1.000 participantes na súa terceira edición

A Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle volverá converterse nun escenario para o deporte o próximo sábado 21 de novembro coa celebración da terceira edición da Carreira e Andaina Camiños da Vía Verde. A Deputación da Coruña, organizadora da cita, agarda superar os 1.000 participantes entre as distintas modalidades previstas.
A presentación tivo lugar este martes na antiga estación de Ordes-A Pontraga, na parroquia da Parada, desde onde partirá a carreira principal. O acto contou coa presenza de representantes da Deputación e dos concellos polos que transcorre a proba, así como do presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, e do triatleta Iván Raña, embaixador desta edición.
Carreira de 10 quilómetros, andaina e probas escolares
O programa deportivo contará cunha carreira de 10 quilómetros, que sairá da estación de Ordes-A Pontraga e terá a meta na antiga estación de Oroso-Vilacide. A andaina, cun percorrido de cinco quilómetros, partirá da estación de Garga-Trasmonte, tamén no municipio de Oroso.
A xornada completarase con diferentes probas para escolares, adaptadas ás distintas idades, que se desenvolverán na contorna da estación de Oroso-Vilacide.
Durante a presentación, os representantes institucionais destacaron as características da Vía Verde e a comodidade do seu trazado para a práctica deportiva, tanto nas carreiras como na andaina.
Inscrición gratuíta ata o 18 de novembro
A participación nas distintas modalidades será totalmente gratuíta. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o mércores 18 de novembro ás 23.59 horas.