A Capela de Santa Ana de Mera, con filtracións, á espera de actuacións do Arcebispado

O Concello de Oleiros reclama que o Arcebispado se implique na conservación e defensa da propiedade da Capela de Santa Ana, en Mera, despois de que a Confraría e numerosos veciños e veciñas comunicasen á administración local a súa preocupación pola pasividade da institución eclesiástica ante o estado do edificio.
Segundo trasladou o goberno municipal, actualmente son varios os problemas que afectan ao templo, sendo o máis grave a entrada de auga ao interior pola sancristía. O Concello subliña que se trata dun espazo cun forte arraigo na parroquia e cun valor que vai máis alá do relixioso, pola súa relevancia histórica, cultural e paisaxística, xa que é unha das imaxes máis recoñecibles da fachada marítima de Mera.
O consistorio lembra, ademais, que a capela chegou a atoparse en estado ruinoso a comezos dos anos 90 e que foi rehabilitada integramente polo propio Concello en 1995, con actuacións no tellado, carpintería interior e pintado exterior. Tamén destaca que nese contexto adquiriu os terreos fronte ao templo, daquela privados, para transformalos nun parque público presidido pola escultura da Tía Antonina, figura popular da zona norte do municipio.