A campaña 'Un alento de vida' fai parada en Betanzos para reforzar as doazóns de sangue no verán

Betanzos súmase este luns 3 de agosto á campaña estival 'Un alento de vida', impulsada pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) para reforzar as reservas de sangue durante os meses de verán. A unidade móbil permanecerá instalada na praza Irmáns García Naveira entre as 10.00 e as 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, facilitando que a veciñanza poida colaborar sen necesidade de desprazarse.
A iniciativa percorrerá máis de 170 concellos galegos ata finais de agosto co obxectivo de acadar arredor de 22.000 doazóns. A Axencia lembra que cada día son necesarias unhas 400 doazóns para garantir o abastecemento de compoñentes sanguíneos nos hospitais galegos, unha demanda que non diminúe durante o verán, a pesar das vacacións e dos desprazamentos habituais da poboación.
Baixo o lema 'Un alento de vida', a campaña pretende lembrar que un pequeno xesto solidario pode resultar determinante para o tratamento de numerosos pacientes do sistema público de saúde que precisan transfusións.
As persoas que participen nesta edición recibirán un agasallo, que poderá ser unha almofada ou un balón de praia. Ademais, xunto á unidade móbil habilitarase un espazo inspirado nunha terraza de verán, onde cada doante poderá inflar un globo que pasará a formar parte da escenografía como símbolo do 'alento de vida' que representan as doazóns para moitos doentes.
Betanzos chega a esta nova campaña con bos datos de participación. Durante 2025 rexistráronse 645 doazóns no municipio, o que supón unha taxa de 48 doazóns por cada 1.000 habitantes, unha cifra superior á media galega, situada en 39 por cada 1.000 habitantes.
Desde ADOS lembran que poden doar sangue todas as persoas maiores de 18 anos, cun peso superior aos 50 quilos e que non padezan nin padecesen enfermidades transmisibles polo sangue.