A Cabalgata dos Reis Magos encherá de ilusión as rúas de Betanzos
As súas maxestades os Reis Magos de Oriente chegarán a Betanzos o 5 de xaneiro para participar nunha cabalgata que promete encher de maxia e ilusión as rúas da vila. A comitiva, que sairá ás 18:00 horas desde o Centro de Formación Ocupacional, seguirá un percorrido que incluirá rúas emblemáticas como a Avenida das Mariñas, Emilio Romay e a Praza do Campo, entre outras.
Ao remate do traxecto, previsto para as 22:00 horas, Melchor, Gaspar e Baltasar recibirán aos máis pequenos na Aula de Cultura Xulio Cuns, situada no edificio Arquivo. Alí, os nenos e nenas poderán entregar as súas cartas e compartir un momento inesquecible coas súas maxestades.
Esta actividade, organizada no marco do XLII Programa de Festexos de Nadal e Aninovo de Betanzos, conta co apoio da Deputación da Coruña.