A Cabalgata de Reis da Coruña provocará mañá a partir das 17.30 horas cortes de tráfico
O Concello activará mañá, domingo 5 de xaneiro, un dispositivo especial de tráfico para facilitar o desenvolvemento da tradicional Cabalgata de Reis, que dará comezo ás 18.00 horas desde a rolda Camilo José Cela, entre o Barrio das Flores e Monelos. Os cortes de tráfico asociados ao evento iniciaranse ás 17.30 horas no itinerario establecido.
O percorrido da comitiva, que foi actualizado debido á previsión meteorolóxica, pasará pola avenida de Monelos, Alcalde Pérez Ardá, Fernández Latorre, Linares Rivas, praza de Ourense, Cantóns, Marina e, finalmente, a praza de María Pita. As rúas afectadas irán reabríndose progresivamente ao paso das carrozas.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, informou de que os preparativos arrancarán xa pola mañá na rolda Camilo José Cela e na praza dos Freixos, co acondicionamento das zonas de saída.
A concelleira de Atención Cidadá e Seguridade, Montserrat Paz, fixo un chamamento á cidadanía para evitar o uso de vehículos particulares nas rúas próximas ao percorrido da Cabalgata, especialmente na contorna da praza de Ourense, un dos puntos máis críticos. Recoméndase usar vías periféricas ou afastadas, como o Paseo Marítimo, Terceira Rolda ou Alfonso Molina, para acceder ou saír da cidade.