A C10 esgota os 3.000 dorsais a máis dun mes da carreira e abre unha lista de espera

A C10 xa esgotou os 3.000 dorsais dispoñibles para a edición deste ano, que se celebrará o vindeiro domingo 4 de outubro polas rúas da Coruña. A elevada demanda, cando aínda queda máis dun mes para a carreira, levou á organización a abrir unha lista de espera para as persoas que quedaron sen praza.
A partir das inscricións recibidas, a organización tamén valorará unha posible ampliación do número de participantes, sempre en función das posibilidades organizativas e das condicións de seguridade da proba.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou a resposta dos participantes e o crecente interese polas carreiras populares na cidade. 'Que os 3.000 dorsais se esgotasen con tanta antelación é unha mostra da enorme afección que existe na Coruña polo deporte e, especialmente, polo atletismo popular', sinalou.
Vázquez tamén puxo en valor as condicións da Coruña para acoller este tipo de competicións, que permiten combinar a práctica deportiva co percorrido por diferentes espazos urbanos e do litoral da cidade.
Lista de espera
As persoas que non conseguiron un dos 3.000 dorsais dispoñibles poderán anotarse na lista de espera a través da web de Carreiras Galegas. Esta permitirá á organización coñecer a demanda existente e estudar unha eventual ampliación do número de prazas.
A C10 celebrarase o 4 de outubro e volverá percorrer as rúas da Coruña, nunha xornada que reunirá a milleiros de corredores e corredoras e que volve situar a proba entre as principais citas do calendario de atletismo popular da cidade.