A billarda decide a súa fase regular á beira da ría do Burgo

O paseo marítimo do Burgo converterase este domingo no escenario decisivo da fase regular da Liga Galega de Billarda. Culleredo acollerá a última xornada da Conferencia Noroeste, unha das dúas que conforman a competición xunto á Conferencia Rías Baixas.
A cita desenvolverase desde as 11.00 horas na contorna da área canina e do Xardín Botánico, un espazo aberto e moi transitado que permitirá achegar este deporte tradicional galego á cidadanía. A actividade conta coa colaboración do Concello de Culleredo e da Federación Galega de Deporte Autóctono.
A organización da xornada corre a cargo do equipo APB A Laracha, participante na liga. Ao longo da mañá disputarase a competición e, unha vez rematada, realizarase a entrega de premios tanto da propia xornada como da fase regular. A fase final entre as dúas conferencias celebrarase o próximo 30 de maio.
A billarda é un deporte autóctono practicado historicamente en diferentes puntos de Galicia. O xogo consiste en golpear cun pau, chamado palán, unha peza pequena de madeira, a billarda, para elevala no aire e lanzala á maior distancia posible.
A elección do paseo marítimo do Burgo busca dar maior visibilidade a esta disciplina, levándoa a unha contorna accesible e con presenza habitual de público. Ademais, a singularidade da ría e o carácter aberto do espazo reforzan o atractivo dunha xornada pensada tamén para quen queira achegarse a coñecer este deporte.
Desde o Concello de Culleredo destacan o interese de acoller actividades que combinan práctica deportiva e recuperación das tradicións galegas, e animan á veciñanza a asistir a unha competición aberta ao público nunha das zonas máis representativas do municipio.