A Biblioteca Municipal dá o salto dixital cunha web propia

ACoruñaXa
O novo espazo impulsado en Bergondo reúne información sobre servizos, fondos e actividades e ofrece acceso directo ao catálogo da Rede de Bibliotecas de Galicia e a varias plataformas dixitais
BERGONDO biblioteca
2 Apr 2026

A Biblioteca Municipal de Bergondo acaba de estrear páxina web propia, un novo recurso co que o Concello busca reforzar a difusión dos servizos bibliotecarios e facilitar á veciñanza un acceso máis directo á información cultural. A nova ferramenta foi elaborada coas utilidades de edición que o Ministerio de Cultura pon á disposición das bibliotecas municipais.

A través deste portal, as persoas usuarias poden consultar os servizos que presta a biblioteca, coñecer os fondos dispoñibles e informarse sobre as actividades bibliotecarias e as iniciativas culturais organizadas polo Concello. A páxina inclúe tamén datos prácticos como a localización, o contacto e o horario do servizo.

Un dos principais atractivos da nova web é que incorpora acceso directo ao catálogo da Rede de Bibliotecas de Galicia e a bibliotecas dixitais como Galiza-Le, e-Bibliodacoruna, eBiblio ou Galiciana. Ademais, ofrece ligazóns a outras plataformas de consulta de interese para a cidadanía, entre elas EFILM, 'Pregunte, as bibliotecas responden' e a Biblioteca Virtual da Prensa Histórica.

Desde o Concello sinalan que esta presenza en internet nace coa intención de converterse nunha ferramenta útil para as persoas usuarias, mellorar o servizo bibliotecario e facilitar o acceso da cidadanía á información e á cultura.

0.14571714401245