A Biblioteca Fórum acolle este luns a presentación do poemario “Hipnose Encarnada” de Ramiro Torres

A Biblioteca Fórum Metropolitano acollerá o luns 15 de xuño ás 19:00 horas a presentación-coloquio do poemario Hipnose Encarnada, de Ramiro Torres, publicado por Espiral Maior.
A actividade está organizada pola Asociación Veciñal Oza, A Gaiteira e Os Castros e ofrecerá un espazo de diálogo arredor da nova obra do autor, dentro da súa traxectoria na poesía galega contemporánea.
Ramiro Torres (A Coruña, 1973), diplomado en Graduado Social pola Universidade da Coruña, conta cunha ampla traxectoria literaria na que publicou en revistas como Poseidónia e Agália e participou en proxectos colectivos como Áncora no alén (2008), centrado na figura de Urbano Lugrís.
En 2012 publicou o seu primeiro libro individual, Esplendor Arcano, no contexto do Grupo Surrealista Galego, co que mantivo unha vinculación estreita. Tamén foi codirector da revista dixital Palavra Comum e colabora na publicación Quiasmo, onde desenvolve traballos de creación e investigación poética.
A súa obra caracterízase por unha concepción da poesía como experiencia transformadora, afastada dunha lectura meramente explicativa, e centrada na dimensión simbólica e sensorial da linguaxe.
A presentación será de acceso libre ata completar aforo.