A biblioteca dos Rosales recupera a actividade o 4 de maio tras as obras de mellora

A biblioteca municipal dos Rosales reabrirá ao público o vindeiro 4 de maio, despois do peche temporal motivado polas obras de mellora no edificio do Centro Cívico. A actuación forma parte da primeira fase do Plan de Renovación da Rede de Centros Cívicos Municipais impulsado polo Concello da Coruña.
O proxecto conta cun investimento de 313.172 euros e inclúe a substitución da cuberta deteriorada, a instalación dun novo sistema impermeable, a creación dunha rede de recollida de augas pluviais e a renovación dos acabados exteriores e das varandas de protección. Aínda que os traballos continúan no edificio, o Concello confirmou que a biblioteca poderá retomar a súa actividade desde este luns.
Durante estes meses, o Centro Cívico dos Rosales mantivo parte do seu funcionamento, aínda que a biblioteca tivo que pechar para solucionar problemas de filtracións e outras deficiencias na infraestrutura. Malia o peche do espazo, o persoal bibliotecario continuou prestando algúns servizos, como os clubs de lectura ou o préstamo de libros.
A reforma dos Rosales intégrase nun plan máis amplo promovido polo Goberno de Inés Rey, que tamén inclúe actuacións nos centros cívicos de Labañou, San Diego e O Castrillón. O investimento total ascende a 1,58 millóns de euros, co obxectivo de modernizar instalacións que levan décadas ao servizo da veciñanza e facelas máis confortables, accesibles e eficientes desde o punto de vista enerxético.