A biblioteca de Bergondo despide o curso con contos, obradoiros e propostas sensoriais

A Biblioteca Municipal de Bergondo preparou unha programación especial para celebrar o final do curso cunha axenda pensada para achegar a lectura, a creatividade e o xogo ao público infantil. As propostas desenvolveranse durante os meses de maio e xuño e estarán dirixidas a nenas e nenos de entre 0 e 11 anos, con actividades adaptadas ás diferentes idades.
A primeira cita será este venres 15 de maio cun obradoiro infantil de creación de coroas primaverais, que se celebrará de 18.00 a 19.30 horas. A actividade está pensada para participantes de entre 4 e 11 anos e abrirá unha programación na que tamén haberá contacontos, experiencias sensoriais e novos talleres creativos.
O calendario continuará o 23 de maio co contacontos 'A cebra Camila', a cargo de Andrea Peiteado, de 18.00 a 19.00 horas e dirixido a crianzas de 3 a 8 anos. Para pechar o mes, o 30 de maio, Marta Ortiz ofrecerá 'Casa, casiña, casona', unha proposta para bebés e nenos de 0 a 3 anos que terá lugar de 11.00 a 11.45 horas.
Xa no mes de xuño, a biblioteca retomará a actividade o día 5 con 'Un agasallo para Lilí', un contacontos dinamizado por Trinke Trinke entre as 18.00 e as 18.45 horas para público de 3 a 8 anos. O día 12 será a quenda dun novo obradoiro infantil, centrado na personalización dunha totebag ou bolsa de tea, de 18.00 a 19.30 horas, para menores de 4 a 11 anos.
A programación rematará o 20 de xuño pola mañá coa experiencia 'Paraíso sensorial', impartida por Ariadna Santana. A actividade desenvolverase de 11.00 a 11.45 horas e estará especialmente adaptada para a primeira infancia, con participantes de 0 a 3 anos.
Todas as actividades contan con prazas limitadas. As familias interesadas deberán realizar a inscrición de maneira telemática a través do formulario habilitado pola organización.