A banda municipal de Oleiros aspira a un dos Premios Martín Códax da Música

A Banda da Escola Municipal de Música de Oleiros competirá este ano por un dos Premios Martín Códax da Música, logo de ser seleccionada como unha das tres finalistas na categoría de Bandas de Música Popular. A candidatura sitúa á agrupación oleirense entre os proxectos destacados da escena musical galega nesta décimo terceira edición dos galardóns.
A formación comparte nominación coa Banda de Música Municipal de Celanova e coa Banda de Música Xuvenil de Torroso. A escolla das finalistas foi realizada por un xurado profesional entre máis de 400 propostas presentadas procedentes de distintos puntos de Galicia.
Tras o anuncio oficial das candidaturas, feito este mércores en Cambados, o certame entra agora nunha nova fase na que tamén participará o público. A decisión final sairá dunha ponderación ao 50% entre os votos das persoas asociadas a Músicas ao Vivo e os apoios recibidos na votación popular.
O Concello de Oleiros anima á veciñanza a respaldar á banda municipal nesta última fase do proceso. A votación xa está aberta e poderá realizarse ata o 24 de maio a través da páxina oficial dos premios, premiosmartincodaxdamusica.gal.
Os proxectos gañadores coñeceranse o vindeiro 27 de maio nunha gala que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra. Para Oleiros, esta nominación supón un recoñecemento ao traballo desenvolvido desde a Escola Municipal de Música, tanto no ámbito formativo como na difusión da música e na consolidación dunha proposta artística de calidade.