A Banda Municipal de Música regresa o domingo ao Colón baixo a batuta de Beatriz Fernández

ACoruñaXa
O concerto, de acceso libre, inclúe pezas de Suñer e Smith
Imaxe do Teatro Colón da Coruña
29 Nov 2024

O Teatro Colón acollerá este domingo, 1 de decembro, un novo concerto da Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC). Esta actuación, enmarcada no ciclo de outono, contará coa dirección especial de Beatriz Fernández Aucejo, recoñecida directora valenciana e unha figura destacada no panorama internacional.

Fernández, oriúnda de Paiporta (Valencia), participou en proxectos de alto nivel, como a Academia ‘La Maestra’ da Philharmonie de París, e dirixiu a Orquesta de Valencia, a Orquesta Sinfónica de Barcelona e a Orquesta Nacional de España. Recentemente, levou a súa batuta a cidades como San Diego, nos Estados Unidos.

O director titular da BMMC, Juan Miguel Romero Llopis, destacou a relevancia desta colaboración: "A participación de Beatriz Fernández como directora convidada é froito dun intenso traballo para cadrar axendas e conseguir que unha profesional do seu prestixio estea connosco esta fin de semana”.

O programa incluirá unha primeira parte con obras de Claude T. Smith e Hardy Mertens, e unha segunda, máis vangardista, dedicada ao compositor José Suñer, coa peza ‘Soulful Stones’. “Son, en definitiva, pezas moi coñecidas no mundo bandístico”, sinalou Llopis.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, animou á cidadanía a participar neste evento, de acceso libre ata completar o aforo do Colón. “O Goberno de Inés Rey continúa impulsando a programación cultural da cidade, atendendo ás formacións musicais locais e apostando por figuras de recoñecemento internacional, como Beatriz Fernández”, afirmou.

0.12029409408569