A Banda Municipal celebra o Nadal este domingo con clásicos de Chaikovski e Mariah Carey no Teatro Colón

A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) será a protagonista do tradicional concerto de Nadal este domingo, 22 de decembro, no Teatro Colón. A actuación, que comezará ás 12.15 horas, estará aberta ao público ata completar a capacidade e promete ser unha experiencia inesquecible, segundo o director da Banda, Juan Miguel Romero Llopis, quen destacou que o evento “contará con numerosas sorpresas e coa implicación activa dos asistentes”.
O concerto estará dividido en dous actos, cun total de dez pezas que combinarán música clásica e contemporánea. Entre os destaques estarán fragmentos de O Crebanoces de Piotr Ilich Chaikovski, a Trish Trash Polka de Johann Strauss, e o popular All I Want for Christmas Is You de Mariah Carey. Tamén se interpretarán obras de compositores de renome como Morten Lauridsen e Claude T. Smith, ademais dunha selección da ópera Carmen de Georges Bizet.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, convidou á veciñanza a gozar deste espectáculo, que porá fin á programación anual da Banda Municipal. Ademais, destacou a participación de artistas emerxentes da cidade, como o alumnado do Conservatorio Profesional de Danza da Coruña e o coro e a orquestra de frautas do CEIP Eusebio da Guarda. O concerto contará tamén coa actuación da cantante coruñesa Irene Cerqueiro como solista.
Castro subliñou o éxito da programación da Banda ao longo do ano, con actuacións en espazos emblemáticos como o Campo da Leña e o Ágora, e resaltou o compromiso do goberno de Inés Rey por situar a Banda Municipal como un referente na dinamización cultural da Coruña.