A Axencia Galega da Calidade Alimentaria destaca en Biocultura o potencial do ecolóxico
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, asistiron este venres á inauguración da feira BioCultura, organizada pola Asociación Vidasana, e que estará aberta na cidade ata o vindeiro domingo 3 de marzo.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, colabora con este evento e ofrecerá representacións de cociña con produtos ecolóxicos, realizadas por profesionais dos comedores escolares que forman parte da campaña “Come Local”. Ademais, ofreceranse degustacións dos produtos dos operadores ecolóxicos que foron beneficiarios das axudas para grupos operativos.
O director da Axencia destacou a potencialidade dos produtos ecolóxicos galegos, cunha nutrida representación nesta feira. De feito, este organismo autonómico colabora na presenza de 15 operadores de produción ecolóxica galega con produtos lácteos, cárnicos, repostería ou conservas entre outros, integrados no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).
A Xunta respalda as producións ecolóxicas e, nesta feira, o director da Axencia resaltou que representan unha oportunidade tanto para o territorio como para os propios produtores, que contan con liñas específicas de apoio.
Nesta mesma xornada, celebrarase tamén unha mesa redonda sobre as posibilidades de venda de produtos a granel ecolóxicos por parte dos comercializadores, na que se debaterá a nova normativa sobre a comercialización de graneis ecolóxicos. Este faladoiro contará coa presencia de representantes do sector produtor, a gran distribución ou pequeno comercio.