A aula CeMIT de Vilasantar consolídase como punto de apoio tecnolóxico con clases gratuítas para adultos e nenos

ACoruñaXa
O servizo ofrece formación en informática e uso de smartphones e pon á disposición da veciñanza material como impresora 3D, gafas de realidade virtual ou drons, ademais de asesoramento personalizado
VILASANTAR cemit
25 Dec 2025

A aula CeMIT de Vilasantar continúa a medrar en participación e o Concello destaca o ‘éxito’ dun espazo pensado para achegar as novas tecnoloxías á veciñanza, tanto a quen quere iniciarse como a quen precisa resolver dúbidas do día a día co móbil ou co ordenador.

O programa inclúe clases gratuítas de informática e de manexo de smartphones, con horarios diferenciados para adultos e para rapazada. No caso das persoas adultas, as sesións desenvólvense os luns de 15.30 a 17.00 horas, martes de 16.00 a 17.30, mércores de 16.30 a 18.00 e xoves de 16.00 a 17.30. Para nenos e nenas, hai clases os martes de 18.00 a 19.00 e os venres de 16.30 a 19.00 horas.

Ademais da formación, a aula funciona como un punto de acceso a equipamento tecnolóxico: conta con ordenadores e material diverso como impresora 3D, gafas de realidade virtual, aro de luz, pantalla verde e drons, entre outros recursos. O servizo complétase con asesoramento con Aída, para acompañar ás persoas usuarias no uso das ferramentas dixitais.

A aula CeMIT está situada na planta baixa da casa consistorial, e desde o Concello animan á veciñanza a achegarse para coñecer o servizo e aproveitar as posibilidades formativas e de apoio tecnolóxico que ofrece.

⚙ Configurar cookies
0.083557844161987