A auga conectada dá un salto en Arteixo coa renovación de 11.300 contadores

ACoruñaXa
O Concello comezará a próxima semana a instalación de equipos dixitais con telexestión e telelectura, sen custo para os abonados e cunha intervención que, na maioría dos casos, apenas xerará molestias
Fotografía da Casa do Concello de Arteixo
28 Feb 2026

Arteixo dará a próxima semana un novo paso na dixitalización do seu sistema de abastecemento coa colocación de 11.300 contadores de auga de última xeración noutras tantas vivendas do municipio. A actuación permitirá ampliar a telexestión na rede municipal e forma parte do proxecto Arteixo/Sumagua_2025/2026, financiado en parte con fondos europeos a través do PERTE de dixitalización do ciclo da auga.

A instalación correrá a cargo de SUMARTE, a empresa pública que xestiona o servizo no municipio, e desenvolverase de maneira progresiva ao longo dos próximos meses. Coa renovación prevista, o Concello estima que se actualizará aproximadamente o 65% do parque total, formado por 17.590 contadores.

Segundo explica o Concello, a iniciativa non terá ningún tipo de custo para os abonados. Ademais, a intervención pretende ser pouco intrusiva, xa que na maioría dos casos os contadores están situados fóra dos domicilios e os operarios poden acceder a eles de forma directa.

A substitución destes equipos busca simplificar e mellorar a obtención de datos de consumo fronte ao sistema actual. Co novo modelo, as lecturas centralizaranse nun software de explotación que permitirá facer un seguimento máis detallado dos caudais dos abonados e trasladar automaticamente esa información ao programa municipal de facturación.

Arteixo xa viña avanzando nesta liña nos últimos anos, con instalacións previas en zonas como o polígono de Sabón e tamén en áreas rurais. Agora, coa campaña que arrinca a próxima semana, o Concello aspira a estender esa tecnoloxía a unha parte maioritaria das vivendas do municipio.

0.12087297439575