A Asociación Veciñal Oza-Gaiteira–Os Castros lanza unha campaña para captar novas persoas socias

ACoruñaXa
A iniciativa busca reforzar o movemento asociativo e sumar máis veciñanza para impulsar novos proxectos e defender os intereses do barrio.
campaña-faite-socio-Oza-Gaiteira–Os-Castros
22 Jul 2026

A Asociación Veciñal e Cultural Oza-Gaiteira–Os Castros puxo en marcha a campaña "Faite Socio/a", unha iniciativa coa que pretende incorporar novas persoas asociadas e fortalecer a participación cidadá para continuar desenvolvendo accións en favor do barrio.

Baixo o lema "Canto máis somos, máis podemos facer", a entidade fai un chamamento á veciñanza para implicarse no proxecto colectivo, incidindo en que unha asociación con maior respaldo social conta con máis capacidade para promover iniciativas e representar os intereses do barrio ante as administracións.

A asociación lembra que nos últimos meses levou a cabo diversas actuacións de carácter social, cultural e reivindicativo. Entre elas figuran actividades para dinamizar o comercio e a hostalaría local, a recuperación de espazos de encontro para a veciñanza e a presentación de propostas e reclamacións dirixidas ás administracións para dar resposta ás necesidades detectadas na contorna.

Con esta campaña, a entidade pretende sumar persoas que queiran participar activamente na defensa dos intereses comúns e colaborar na construción dun barrio máis dinámico, inclusivo e participativo.

Desde a asociación sinalan que formar parte da entidade implica apoiar un proxecto que traballa de maneira continuada pola mellora de Oza, A Gaiteira e Os Castros, promovendo actividades culturais, defendendo os servizos públicos, contribuíndo á conservación dos espazos públicos e fomentando a convivencia veciñal.

A entidade subliña ademais que cada nova incorporación reforza a súa capacidade de interlocución diante das administracións e facilita a posta en marcha de novas iniciativas en beneficio do barrio.

As persoas interesadas en darse de alta poden facelo a través dos formularios habilitados pola asociación ou contactando directamente coa entidade, que anima á veciñanza a participar nesta campaña lembrando que “os barrios constrúense coa participación da súa xente. Faite socio/a e forma parte do cambio”.

0.10568881034851