A Asociación Les Coruña organiza o sábado unha xornada de unión das redes lésbicas galegas

ACoruñaXa
No acto homenaxearase á asociación viguesa Nós Mesmas e contarase coa presenza de Noemí Díaz Vázquez, lesbiana visible e concelleira de Medio Ambiente do Concello da Coruña
Imaxe do evento do sábado 22 de xuño de Les Coruña
18 Jun 2024

Con motivo da celebración do Orgullo LGTBI, a asociación Les Coruña e a asociación LesWorking (que favorece a presenza de lesbianas no ámbito laboral) organizan un evento de confraternización de redes lésbicas en Galicia, no que se homenaxeará á entidade viguesa Nós Mesmas, que cumpre 15 anos de activismo.

Esta xornada conta co apoio do Concello da Coruña e da entidade de presenza internacional EuroCentralAsian LesbianCommunity. A entrada é libre e gratuíta, previa inscrición nesta ligazón.

A xornada contará coa apertura de Eva Pérez Nanclares, copresidenta de EuroCentralAsian Lesbian*Community para, a continuación, dar paso a un coloquio con representantes de LesWorking, Les Coruñas e Nós Mesmas, no que falarán da importancia do asociacionismo lésbico e dos retos das lesbianas en Galicia.

Tras o coloquio intervirá Amaya Seoane, galega afincada en Madrid que é project leader de Diversidade, Igualdade e Inclusión en BCD M&E, unha axencia de eventos especializada en festivais lésbicos en España. O peche correrá a cargo de Noemí Díaz Vázquez, lesbiana visible e concelleira de Medio Ambiente do Concello da Coruña. Ao termo dos relatorios haberá talleres e cóctel con música.

A Asociación de Mujeres pola Igualdade e Visibilidade Lésbica da Coruña, Les Coruña, é unha entidade sen ánimo de lucro que naceu en 2018 para impulsar distintos encontros e actividades que promovan a diversidade na cidade.

Les Coruña organiza distintas accións periódicas como os encontros mensuais 'Unha habitación propia', pensados para visibilizar a mulleres emprendedoras, o 'Coro Coruña Cores', creado en 2022 e dirixido por Pablo Méndez, ou a xornada anual de 'Diversidade Afectivo Sexual' que xa celebrou dúas edicións, a de 2021 con foco na literatura e a de 2022 centrada nas series de televisión.

0.17933201789856