A Asociación Española Contra o Cancro impulsa campamentos e encontros para nenos con cancro e os seus familiares
A Asociación Española Contra o Cancro pon en marcha diferentes actividades lúdico-terapéuticas dirixidas especialmente a menores con cancro ou en cuxa familia se conviva cun diagnóstico desta enfermidade. Entre elas atópanse campamentos de verán en diferentes provincias españolas e o encontro Acougo, que este ano celebra a súa terceira edición na provincia da Coruña.
Os campamentos da Asociación Española Contra o Cancro levan celebrándose desde hai máis de dúas décadas, e con eles preténdese acompañar, previr e abordar o impacto emocional e social nos menores como consecuencia da enfermidade, co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida. Estas xornadas de convivencia non só están pensadas para nenos e adolescentes con cancro, senón tamén para fillos de persoas que fosen diagnosticadas coa enfermidade e os seus irmáns.
Cada ano hai máis de 1.500 casos novos de cancro en menores. Estes campamentos permítenlles afastarse da contorna hospitalaria cuns días de diversión, sempre supervisados por un equipo de profesionais que garante unha atención óptima e personalizada. Neles realízanse actividades físicas e deportivas (como sendeirismo, rafting ou hípica), de expresión emocional (a través de xogos cos que compartir experiencias e sentimentos sobre a enfermidade) e culturais e de lecer (como bailes, festas de disfraces e excursións).
Este ano, a Asociación dispón de 369 prazas nos campamentos que se poñerán en marcha ao longo dos próximos meses nos seguintes lugares:
- Do 14 ao 18 de xullo. Santa María de Palautordera, Barcelona.
- Do 14 ao 21 de xullo. Val d’Aran, Lleida.
- Do 26 ao 31 de agosto. Requena, Valencia.
- Do 26 de agosto ao 2 de setembro. Mallorca, Illas Baleares.
- Puente de decembro. Tenerife.
Dende a Asociación animan a todos os interesados en participar nos campamentos para poñerse en contacto a través do teléfono Infocáncer, 900 100 036, no que se lles facilitará toda a información necesaria.
Terceira edición do encontro Acougo
Doutra banda, na provincia da Coruña, a Asociación organiza a terceira edición do encontro Acougo, que terá lugar a fin de semana do 15, 16 e 17 de novembro no Pazo de Mariñán, en Bergondo. Esta actividade, totalmente gratuíta, consiste nun espazo de encontro terapéutico e de lecer para que ao redor de doce familias que conviven cun diagnóstico de cancro poidan compartir, aprender e gozar xunto a outras persoas que pasan (ou pasaron) por experiencias similares. Ao longo deses tres días en familia gozarase dun período de desconexión e de tempo libre nunha contorna única, con numerosas actividades para nenos e adultos, como sesións de maxia, talleres de mindfulness e relaxación, grelladas, manualidades e excursións.
Con esta actividade rompe a rutina, e pasar tempo con outras familias en situacións similares axuda a que os participantes sentan arroupados e acompañados, tézanse novas redes de apoio e mellórense as relacións sociais.
Quen queira formar parte deste encontro poden inscribirse previamente (a partir do 1 de xullo e ata o 15 de outubro) no correo electrónico acoruna@contraelcancer.es ou nos teléfonos 981 142 740 (A Coruña), 981 576 479 (Santiago de Compostela) ou 981 370 003 (Ferrol).