A Asociación Cultura Aberta anuncia o gañador do VI Concurso de Fotografía Manuel Ferrol

ACoruñaXa
A imaxe gañadora foi ‘El hombre de la calle Callao’ de Miguel Ángel Sintes Puertas e o xurado seleccionouna por ser fiel ao estilo do fotógrafo homenaxeado
O xurado do concurso xunto a compoñentes da xunta directiva de Cultura Aberta de Carral coas obras gañadoras
O xurado do concurso xunto a compoñentes da xunta directiva de Cultura Aberta de Carral coas obras gañadoras
29 feb 2024

A Asociación Cultural Cultura Aberta de Carral continúa coa súa tarefa de reivindicar a figura do fotógrafo Manuel Ferrol e esta actividade artística a través do seu concurso fotográfico.
Con esta, son xa seis as edicións convocadas do concurso de fotografía e nesta ocasión cun incremento considerable na cuantía dos premios.

Deste xeito, os mil euros para a imaxe gañadora van para Madrid. A imaxe titulada ‘El hombre de la calle Callao’ de Miguel Ángel Sintes Puertas foi seleccionada polo xurado por ser fiel ao estilo do fotógrafo homenaxeado. O segundo premio viaxa a Vilanova de Arousa, onde vive Mónica Vila Ferreirós que presentou unha fotografía sacada en Santa Marta de Ribarteme o día no que os cadaleitos saen ás rúas. O terceiro premio é para Xavier Ferrer Chust, un autor de Castellón que presentou tamén un retrato en branco e negro. Por último, o xurado decidiu dar un accesit sen dotación económica á obra titulada "El Secreto de las flores" de Miguel Gómez de Santiago de Compostela.

O xurado desta edición estivo composto por seis recoñecidos profesionais da fotografía e o xornalismo. Nacho Romero e Ángel Cordero, profesores de fotografía na EIS da Coruña, Víctor Echave, director de fotografía do diario La Opinión, María Meseger, Xoán Piñón e Vanesa Casteleiro, fotógrafos profesionais. Mirian Pantoja e Lois Anxo Ferreiro actuaron como representantes de Cultura Aberta, secretaria e presidente respectivamente, para levantar a acta correspondente ao finalizar as intensas deliberacións. O resultado do concurso foi comunicado o martes 27 de febreiro, tal como indicaban as bases.

No vindeiro verán, como xa é tradición no municipio as fotografías serán expostas no Campo da Feira de Carral nunha exposición a ceo aberto. A inauguración da exposición servirá tamén para convocar a sétima edición.