A Asociación Catro Gatos presentará a I Mostra de Teatro no Mosteiro en Bergondo os días 27 e 28 de setembro

ACoruñaXa
A Mostra ofrecerá dúas actuacións gratuitas no claustro do Mosteiro de San Salvador, con Catro Gatos e Galeatro como protagonistas, e pretende consolidarse como unha cita anual para a comarca das Mariñas
Imaxe da mostra da Asociación Catro Gatos
7 sep 2024

A Asociación Cultural Catro Gatos, co apoio da Deputación da Coruña e do Concello de Bergondo, dará inicio á súa I Mostra de Teatro no Mosteiro os días 27 e 28 de setembro. Este festival busca fusionar o patrimonio arquitectónico coas artes escénicas, convertendo o claustro do Mosteiro de San Salvador en escenario para dous espectáculos.

A Mostra de Teatro no Mosteiro pretende dinamizar o patrimonio local e ofrecer á comarca das Mariñas unha nova cita anual co teatro. O venres 27 de setembro, o grupo amador Catro Gatos presentará a súa obra "Río Bravo". O sábado 28, a compañía profesional Galeatro interpretará "Arte sen guión", unha coprodución co Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura, inserida no ciclo Clásicas Desfeitas.

Ambas as representacións comezarán ás 20.30 horas e a entrada será libre ata completar o aforo de 150 localidades. O evento constitúe unha experiencia piloto que a asociación planea expandir nos vindeiros anos.

A Asociación Catro Gatos, fundada en 2016 e vinculada ao CPI de Cruz do Sar, promove diversas actividades culturais, entre as que destacan o Maratón Teatral e o ciclo Marusía Escénica, que inclúe agrupacións amadoras de varios municipios da comarca. O festival celebrarase nun dos exemplos máis significativos do románico galego, o Mosteiro de San Salvador, un edificio de gran valor histórico e artístico que, despois de varias vicisitudes, foi declarado Ben de Interese Cultural en 1973.

0.19368982315063