A artesanía e a música celebrarán o Día das Letras Galegas en O Burgo

A praza Europa do Burgo converterase o Día das Letras Galegas nun escaparate da artesanía e da cultura galega. O Concello de Culleredo organizará unha nova edición da súa Feira de Artesanía, unha cita xa habitual na programación municipal desta data e que reunirá máis de 60 postos con produtos de elaboración propia.
A feira desenvolverase de 11.00 a 20.00 horas e contará coa participación de diferentes proxectos artesáns. O público poderá atopar artigos feitos á man en materiais como coiro, madeira, vimbio ou vidro, entre outras propostas vencelladas á creatividade, ao comercio de proximidade e á produción artesanal.
A xornada tamén incluirá música tradicional para acompañar o ambiente da feira. A primeira actuación será ás 12.00 horas a cargo da Asociación Cultural Catalmibre, mentres que pola tarde, ás 17.00 horas, actuará a Agrupación Folclórica Ancoradeira.
O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, destacou que esta iniciativa permitirá 'poñer en valor o talento artesanal e reforzar a nosa identidade cultural'. Tamén sinalou que O Burgo volverá ser un espazo no que 'tradición e creatividade se darán a man', especialmente nunha data tan significativa para a cultura galega.
Coa feira, Culleredo busca ofrecer unha proposta aberta á veciñanza e visitantes, combinando artesanía, música e cultura nunha xornada pensada para celebrar o Día das Letras Galegas a pé de rúa.