A arte toma o patio do CEIP Torre de Hércules cun mural creado por Manuel Suárez e a rapazada dos campacoles

O CEIP Torre de Hércules suma un novo elemento que dará cor ao seu patio exterior. O centro educativo conta xa cun mural colaborativo creado polo artista coruñés Manuel Suárez coa participación das 45 nenas e nenos que forman parte dos campacoles municipais, unha iniciativa de conciliación promovida polo Concello da Coruña en colaboración coa Federación de ANPAS.
A alcaldesa, Inés Rey, achegouse este venres ao colexio para coñecer de primeira man o traballo da rapazada, que durante estes días participa na actividade 'Quincena da arte'. O mural está inspirado na Torre de Hércules, un dos principais símbolos patrimoniais da cidade. Manuel Suárez foi o encargado de elaborar o deseño, mentres que as nenas e nenos participaron posteriormente no seu pintado, convertendo a proposta nun proxecto colectivo pensado para fomentar a creatividade e o traballo en equipo.
Esta actuación complétase coas melloras que o Concello está a desenvolver nos espazos exteriores do centro, co obxectivo de crear contornas máis atractivas e funcionais para o alumnado. Segundo destacou Inés Rey durante a visita, os centros educativos deben ser espazos vivos onde tamén os patios e as zonas de lecer contribúan á aprendizaxe e ao desenvolvemento das nenas e nenos mediante experiencias positivas.
A rexedora estivo acompañada polo concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego.
O CEIP Torre de Hércules é un dos 25 centros educativos públicos da cidade nos que o Concello levará a cabo actuacións de mellora ao longo deste verán. En total executaranse arredor de medio cento de intervencións en colexios, centros de educación especial e escolas infantís municipais, cun investimento global de 720.000 euros de cara ao próximo curso.
No caso do centro de Monte Alto, as actuacións previstas inclúen a substitución do portón de acceso, a instalación dun vídeo-porteiro para reforzar a seguridade e a renovación da bancada do patio exterior, un espazo que agora incorpora tamén este mural colaborativo como símbolo da implicación da comunidade educativa.