A arte floral volve tinguir de cor as rúas de Barrañán en honra ao Santísimo Sacramento

A parroquia de Barrañán cumpriu un ano máis cun dos seus rituais estivais máis queridos e vistosos coincidindo co segundo domingo do mes de xullo. O colectivo veciñal, da man da agrupación Pedra da Salsa, encargouse de confeccionar o tradicional tapiz floral que serve de acompañamento e engalana a procesión do Santísimo Sacramento, un acto que ten lugar xusto despois da habitual celebración eucarística dominical.
O labor para facer realidade esta obra de arte efímera require de moitas xornadas previas de esforzo. Os integrantes da asociación dedican tardes enteiras a cortar, clasificar e preparar miles de pétalos de flores de diferentes tonalidades, entre as que destacan especies como as hortensias ou as margaridas, ademais de compoñentes verdes como a tuia para perfilar os deseños. Un traballo meticuloso que culmina de madrugada, cando os veciños comezan a colocar as flores sobre o asfalto dende as 05.30 horas co obxectivo de que todo estea listo antes do mediodía.
Os actos relixiosos contaron coa solemnidade da misa ás 13.30 horas, unha cita na que a música correu a cargo da Banda Municipal Santiago de Arteixo. Deste xeito, os residentes desta zona costeira do municipio demostran o seu compromiso co mantemento vivo dunhas raíces culturais que enchen de orgullo á comunidade.