A Área Sanitaria da Coruña e Cee celebra a Xornada Mundial da Hixiene de Mans

ACoruñaXa
Durante a xornada distribuiranse folletos informativos sobre indicacións e técnica de hixiene de mans e entregaranse a todos os profesionais solucións de base alcohólica de peto
Imaxe da xornada da hixiene de mans no Hospital da Coruña
Imaxe da xornada da hixiene de mans no Hospital da Coruña
3 may 2024

As infeccións relacionadas coa atención sanitaria (IRAS) teñen un impacto, non só sobre o paciente, senón tamén económico, tanto pola prolongación da estancia como polo tratamento antibiótico que recibe, sen esquecer tamén a repercusión que ocasiona nos familiares.

En España, o estudo ENEAS (Estudo Nacional de Eventos Adversos) indica que as IRAS representan o 25% dos efectos adversos derivados da estancia hospitalaria, e considera que ao redor do 50% son prevenibles. I é aquí onde todos os profesionais sanitarios, familiares e acompañantes podemos actuar. Coñecendo que o principal mecanismo de transmisión dos xermes son as mans do persoal, non cabe dúbida de que a hixiene de mans é a principal medida preventiva, ademais de barata e sinxela, para evitar a adquisición destas infeccións. Con todo, está máis que comprobada a baixa adherencia do persoal sanitario á hixiene de mans.

Neste sentido, e co obxectivo de mellorar o coñecemento dos traballadores, a Área Sanitaria da Coruña e Cee, celebrou este venres a Xornada Mundial da Hixiene de Mans, enmarcada dentro das actividades promovidas pola OMS e o SERGAS para a seguridade do paciente, sendo este ano o obxectivo principal da campaña a mellora da práctica da hixiene de mans para deter a propagación á resistencia aos antibióticos e, deste xeito, protexer aos pacientes de infeccións que poidan incrementar a súa morbi-mortalidade. O slogan deste ano é “A hixiene de mans prevén as infeccións”.

Durante a xornada distribuiranse folletos informativos sobre indicacións e técnica de hixiene de mans e entregaranse a todos os profesionais solucións de base alcohólica de peto, para que así realicen o devandito procedemento alí onde estean, sen necesidade de depender de auga e xabón.

A hixiene das mans é unha das maneiras máis eficaces e económicas de previr mortes innecesarias. Esta práctica hixiénica reduce en máis dun 40% o número de mortes debidas á diarrea e nun 25% o número de casos en infeccións agudas das vías respiratorias. É unha actividade que xa moitos temos arraigada na nosa rutina diaria.

Todos, dende a nosa infancia, fomos educados para que na nosa vida cotiá nos lavemos as mans, e en determinadas circunstancias laborais a concienciación de realizar este acto aínda é maior; esta acción cobra una importancia vital sobre todo en verán, cando as atencións por enfermidades de contaxio vía alimentación se multiplican debido á pouca atención que lle prestamos a esta necesaria práctica, xa que debemos ter en conta que as nosas mans son o contacto co exterior, e por esa mesma razón, son as que levan contaminantes ao noso interior. Un xesto tan simple como lavarse as mans con auga e xabón pode ser a clave para a supervivencia de millóns de persoas.

 

Para poder alcanzar o obxectivo é necesario asegurar un compromiso, non só dos traballadores, senón tamén por parte do equipo directivo, xa que é importante que os profesionais perciban que a estratexia de hixiene de mans constitúe unha prioridade nos distintos centros que forman a Área Sanitaria da Coruña e Cee. Compromiso máis que alcanzando desde a creación do Grupo de Mellora de Hixiene de Mans no ano 2009, mediante a posta en marcha de diferentes estratexias dirixidas á adhesión da hixiene de mans, como a localización de solucións de base alcohólica no punto de atención e formación do persoal involucrado na atención sanitaria.