A AMPA do CEIP de Prácticas lanza as camisetas 'Prácticas en loita' para visibilizar a súa reclamación dunha escola segura


A comunidade educativa do CEIP de Prácticas dá un paso máis na súa campaña por unha escola segura e digna. A AMPA vén de anunciar a posta á venda de camisetas co lema 'Prácticas en Loita', que se poderán solicitar por mensaxe privada a través das súas redes sociais. A ANPA anima ás familias e ao barrio de Labañou a lucir a súa reivindicación tamén na rúa.
As camisetas manteñen o lema que se fixo habitual nas pancartas e consignas das mobilizacións, nun contexto marcado polos problemas estruturais do centro: humidades en aulas e espazos comúns, carpintarías e mobiliario deteriorados, falta de mantemento e mesmo desprendementos de cascotes na fachada da antiga Normal, edificio que alberga o colexio.
Desde hai meses, as familias veñen denunciando este deterioro e reclamando unha reforma integral con prazos e calendario definidos. A situación chegou ao Parlamento de Galicia da man do BNG, que pediu unha actuación urxente ante as deficiencias de seguridade e conservación. A deputada Mercedes Queixas enumerou problemas como o chan do ximnasio que se afunde, fiestras que se desprenden, humidades con fungos ou incidencias na instalación eléctrica.
A presión da comunidade educativa e a cobertura mediática das súas protestas, incluídas manifestacións nas que se cortou o tráfico no paseo de Ronda e concentracións ás portas do centro, lograron que a Xunta se comprometese no Parlamento a acometer unha reforma integral do CEIP de Prácticas. Non obstante, as familias seguen reclamando 'prazos e orzamentos concretos' e mantiveron recentemente unha nova protesta para lembrar que as obras aínda non teñen data nin detalle público.
Neste contexto, as camisetas 'Prácticas en loita' nacen como un novo símbolo de unidade da comunidade escolar e do barrio, pensado para acompañar futuras mobilizacións e manter viva a demanda dunha escola pública segura para as arredor de 250 crianzas que acoden a este colexio de referencia para Labañou, San Roque e a contorna de Riazor.