A ampliación da terminal de Alvedro farase en terreos de Aena e sen expropiacións según o Concello de Culleredo

O Concello de Culleredo saíu este xoves ao paso do anuncio da próxima licitación para ampliar a terminal do Aeroporto de Alvedro cunha mensaxe dirixida, sobre todo, á veciñanza que reside na contorna da infraestrutura: a actuación executarase en parcelas que xa son propiedade de Aena, polo que non implicará procesos de expropiación.
O alcalde, José Ramón Rioboo, explicou que se dirixiu no seu momento ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e á propia Aena para aclarar o alcance real do proxecto e garantir tranquilidade aos residentes. Segundo indicou, ambas institucións comprometéronse a que non se impulsará ningunha medida con afeccións directas sen que o Concello teña coñecemento previo.
O rexedor remarcou tamén o impacto positivo da reforma na vida diaria do aeroporto, ao favorecer unha operativa máis fluída na terminal e reducir episodios de colapso en momentos de maior afluencia.
A ampliación da terminal aparece vinculada ao DORA III (2027-2031), no que se recolle un paquete inversor para Alvedro, e o obxectivo pasa por reforzar espazos clave como a zona de embarque. En paralelo, os datos de tráfico amosan un incremento da actividade: o aeroporto pechou 2025 con 1.292.166 pasaxeiros, un 4,4% máis ca no ano anterior, segundo Aena.
O Concello avanzou que seguirá pendente da evolución do proxecto para asegurar coordinación institucional e información permanente, dada a relevancia de Alvedro para Culleredo e para toda a área metropolitana.