A alianza institucional impulsa unha nova etapa para modernizar Riazor e a súa contorna deportiva

A Deputación da Coruña expresou este luns, 16 de marzo, a súa disposición a colaborar co Concello da Coruña e co Real Club Deportivo na modernización do complexo deportivo de Riazor, tras o acordo anunciado entre ambas partes para abrir unha nova etapa arredor do estadio e da súa contorna.
A iniciativa, presentada nunha comparecencia conxunta pola alcaldesa, Inés Rey, o presidente do Deportivo e máximo responsable de Abanca, Juan Carlos Escotet, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, busca mellorar o estadio e renovar as infraestruturas deportivas da zona, entre elas o Pazo dos Deportes, co obxectivo de reforzar o papel de Riazor como espazo de referencia para o deporte na cidade.
O anuncio produciuse o mesmo día no que a alcaldesa confirmou que A Coruña non continuará na carreira para acoller partidos do Mundial de fútbol de 2030. Rey defendeu que a cidade apostou por dar prioridade a un proxecto propio para o futuro de Riazor e insistiu en que a Coruña quería optar á cita mundialista, pero 'non a calquera prezo'. Na súa opinión, a decisión responde a un criterio de responsabilidade institucional e á vontade de orientar os investimentos cara a melloras permanentes para a cidade.
Pola súa banda, Juan Carlos Escotet puxo en valor o entendemento alcanzado entre as administracións e o club, e asegurou que o acordo permitirá avanzar nun 'crecemento ordenado do Deportivo'. O presidente deportivista subliñou ademais a importancia de sumar esforzos para desenvolver actuacións que beneficien tanto á entidade como ao conxunto da cidadanía e da afección.
Desde a Deputación, Valentín González Formoso definiu a mellora de Riazor como 'un proxecto ilusionante' e considerou que A Coruña merece unha aposta clara das administracións nun contexto europeo de renovación de infraestruturas deportivas. O presidente provincial indicou que o apoio institucional se irá concretando nas próximas semanas e meses e confiou en que este impulso ás instalacións deportivas poida ir acompañado tamén de éxitos no plano competitivo.
Co anuncio deste acordo, as tres partes escenifican a súa vontade de cooperar para acometer unha transformación do complexo de Riazor que pretende ir máis alá do estadio e abranguer o conxunto do espazo deportivo, cun enfoque a medio e longo prazo.