A alerta pola escaseza de auga mantense en Arteixo e Culleredo e a prealerta chega a outros 16 concellos da comarca das Mariñas

ACoruñaXa
A Xunta mantén os escenarios de escaseza pese ás últimas choivas e sitúa os encoros de abastecemento de Galicia-Costa no 62,5 % da súa capacidade
ABEGONDO encoro cecebre
26 Aug 2026

A situación de escaseza de auga mantense en varios concellos da área da Coruña. A Xunta decidiu conservar a alerta por escaseza nos sistemas do río Anllóns e Costa da Coruña, unha situación que afecta directamente a Arteixo e Culleredo, mentres que outros 16 municipios da contorna permanecen en situación de prealerta por escaseza moderada.

A decisión foi adoptada pola Oficina Técnica da Seca tras analizar a evolución dos caudais dos ríos, os datos meteorolóxicos e o estado das reservas de auga. Segundo explica a Xunta, as precipitacións rexistradas nos últimos días aínda non tiveron un reflexo suficiente nos indicadores utilizados para determinar os escenarios de escaseza.

De feito, os últimos datos dos encoros de abastecemento, correspondentes ao 24 de agosto, sitúan a ocupación no 62,5 % da súa capacidade, 11,4 puntos menos que no mesmo momento do ano pasado.

Arteixo e Culleredo permanecen en alerta

No caso da área da Coruña, Arteixo e Culleredo forman parte dos municipios incluídos na unidade territorial do río Anllóns, na que se mantén a situación de alerta.

Este nivel é o segundo máis elevado previsto polo Plan especial de seca de Galicia-Costa, só por detrás da situación de emerxencia. A súa aplicación implica adoptar medidas destinadas a conservar os recursos hídricos dispoñibles e, se fose necesario, poderían limitarse determinados usos da auga.

Entre as medidas que contempla este escenario atópanse a prohibición de usos considerados prescindibles, como o baldeo de rúas, o enchido de piscinas ou a rega de xardíns. Tamén se poderían aplicar cortes puntuais de auga se a evolución da situación o fixese necesario.

Prealerta en 16 concellos da comarca

A situación é menos restritiva nos municipios que permanecen en prealerta. Neste escenario atópanse Abegondo, Aranga, Bergondo, Betanzos, Carral, Coirós, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Ordes, Oza Cesuras, Paderne, Sada, Vilarmaior e Vilasantar.

A prealerta supón un seguimento máis intenso da evolución meteorolóxica, dos caudais dos ríos e do nivel dos encoros, así como das posibles incidencias relacionadas coa dispoñibilidade de auga.

A Xunta tamén recomenda aos concellos realizar un uso responsable dos recursos hídricos e minimizar os gastos públicos non esenciais. Ademais, os municipios deben facilitar información diaria sobre os seus caudais de consumo a Augas de Galicia.

A incidencia desta situación non é necesariamente igual en todo o territorio dos municipios incluídos na prealerta. A Xunta sinala que nalgúns casos só unha parte do termo municipal pertence á unidade territorial afectada e que o principal sistema de abastecemento pode captar auga noutra conca.

As últimas choivas aínda non permiten levantar a prealerta

A pesar das precipitacións rexistradas nos últimos días, a Xunta considera prematuro modificar os escenarios actuais. Os responsables da Oficina Técnica da Seca deberán comprobar nos próximos informes se as chuvias permiten unha recuperación suficientemente consolidada dos indicadores.

Deste xeito, un episodio puntual de precipitacións non é suficiente para levantar automaticamente unha alerta ou unha prealerta. A evolución dos ríos e das reservas nos encoros será determinante para decidir se a situación cambia nas próximas semanas.

0.19166302680969