A alcaldesa salienta o Anuario Brigantino como unha 'referencia imprescindible' para a memoria e a identidade de Betanzos

ACoruñaXa
María Barral participou na presentación do número 47 e puxo en valor o papel da publicación como ponte entre a investigación e o coñecemento local
BETANZOS brigantino
1 Feb 2026

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, asistiu á presentación do Anuario Brigantino 2024, unha publicación que, segundo subliñou, se consolidou co paso dos anos como unha 'referencia imprescindible para o coñecemento, a investigación e a divulgación' da historia, do patrimonio e da identidade da cidade e da súa contorna.

Durante o acto, a rexedora agradeceu o labor do director, Ángel Arcay, do subdirector, Xosé María Veiga, e de Daniel Tejeiro, secretario do comité científico, ademais do conxunto de persoas que integran ese equipo. Destacou o seu 'rigor, compromiso e continuidade' nun proxecto editorial que, afirmou, xa é unha peza esencial da vida cultural brigantina.

Barral incidiu en que o Anuario vai máis alá dunha revista especializada: 'é unha ferramenta de memoria colectiva' e un espazo no que conviven a investigación académica, o saber do territorio e a vontade de conservar e transmitir o legado ás vindeiras xeracións.

Como exemplo dese carácter plural, mencionou algúns dos contidos recollidos neste número, con traballos sobre os 'machados prehistóricos' do Museo das Mariñas, os preitos dos Andrade, as minas da comarca, a microtoponimia, a propiedade urbana en Betanzos, o vínculo co mar, as festas patronais, a música, a historia da biblioteca municipal ou o legado do Parque do Pasatempo. Un conxunto de achegas que, na súa opinión, amosan ata que punto o Anuario é 'un verdadeiro retrato plural' da historia e da comunidade.

⚙ Configurar cookies
0.078358888626099