A alcaldesa Inés Rey visita o novo parque infantil dos Pelamios no sector leste do Paseo Marítimo
A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá o novo parque infantil dos Pelamios, unha das principais infraestruturas creadas ao abeiro das obras de humanización do sector leste do Paseo Marítimo, unha intervención coa que o Concello acometeu a reconfiguración do treito comprendido entre o viaduto das Ánimas e o cemiterio de Santo Amaro.
Neste sentido, Rey valorou a nova imaxe do paseo no quilómetro e medio onde se executaron os traballos, recuperando espazos "que lle dan unha segunda vida a este balcón ao océano que é o Paseo Marítimo, un percorrido ideal para camiñar, fomentar a práctica do deporte ao aire libre e tamén para o lecer da cidadanía".
Baseándose nesta idea, o Concello aproveitou a superficie dispoñible ante a enseada dos Pelamios para construír o novo parque infantil, que conta cunha ampla diversidade de xogos, xa dispostos para o uso e goce da rapazada: redes de trepa, randeeiras e espazos ideados para o desenvolvemento sensorial das e dos pequenos. Parte do parque está configurado como se fose un outeiro, o que permitiu habilitar un tobogán e tamén varios minitúneles.
A rexedora apuntou que "a creación desta infraestrutura forma parte do noso plan para recuperar o bordo litoral da cidade con novos espazos públicos nos que as persoas sexan as protagonistas", e apuntou que o novo parque infantil dos Pelamios dará servizo, por exemplo, "á veciñanza de Orillamar e tamén ás persoas residentes no sector oriental da Cidade Vella".
"Desde o parque infantil da Mariña, en dirección á Torre, bordeando a costa leste do Paseo, só atoparemos dúas instalacións deste tipo: unha, pequena, entre a rúa Orillamar e o lateral oeste do cemiterio de Santo Amaro; e outra, en Durmideiras, na que se levaron a cabo melloras recentemente. Son espazos que, pola súa localización, con pouca superficie dispoñible na súa contorna, non poderían ser ampliados en demasía. Por iso se valorou a construción deste parque infantil, que dota a Orillamar dunha infraestrutura necesaria", expuxo Inés Rey.
O Paseo Marítimo conta, tras as obras, cunha nova área de calistenia
A alcaldesa apuntou, ademais, que as melloras no sector leste do Paseo Marítimo aparellaron a creación dunha nova área de calistenia, un espazo destinado á práctica deportiva ao aire libre, "que reforza a aposta do Goberno municipal neste eido".
Rey lembrou, a este respecto, que o Concello está a construír outra área de calistenia na praza Xosé Toubes (Catro Camiños), e xa o pasado verán se abriu outra tras o pavillón polideportivo municipal do Barrio das Flores. "Imos, pois, ampliando as dotacións deportivas da cidade barrio a barrio, atendendo as necesidades específicas de cada un", explicou.
Melloras no carril bici e ampliación do carril runner
A renovación do sector leste do Paseo Marítimo supuxo un investimento de 3,1 millóns de euros, cofinanciado con fondos FEDER derivados do proxecto EIDUS.
Con esta partida, o Concello puxo en marcha a ampliación do carril bici entre As Ánimas e o cemiterio de Santo Amaro, cunhas novas dimensións de 2,5 metros e tamén un novo firme. As zonas de circulación de vehículos e bicicletas están separadas por barreiras vexetais.
Tamén se incrementou a superficie dispoñible para o carril runner, que pasou a ser bidireccional, con 2 metros de ancho. No referente ao tráfico rodado, habilitouse un carril por sentido para o tránsito de vehículos.
Ademais, no treito do Paseo Marítimo onde se actuou tamén se crearon máis áreas verdes. Tras a intervención, a superficie axardinada pasou a ser dun total de 7.000 metros cadrados, nos que xa se foron plantando, progresivamente, novas árbores.
Inés Rey tamén destacou os traballos que se levaron a cabo sobre os antigos raís do tranvía, con treitos nos que foron soterrados e outros nos que directamente se retirou a infraestrutura, en función das dificultades que presentasen as rasantes do terreo.