A alcaldesa e Betanzos reúnese coa delegada da Xunta para tratar varios proxectos no municipio
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, reuniuse está maña coa alcaldesa de Betanzos, María Barral. No encontro repasaron os proxectos e axudas da Xunta neste municipio.
As dúas representantes públicas coincidiron na necesidade de seguir reforzando os vínculos locais para contribuír ao desenvolvemento sustentable dos municipios galegos. Do mesmo xeito, Belén do Campo e María Barral analizaron as necesidades do concello.
Francisco Vales Villamarín
Neste senso, a representante do Goberno autonómico lembrou que o Goberno galego está a traballar na redacción do proxecto de rehabilitación do CEIP Francisco Vales Vilamarín. A obra contará cun orzamento próximo ao millón de euros, que asumirá a Xunta, aínda que se concretará cando se complete a redacción do proxecto.
A delegada explicou que esta obra corresponde á segunda fase de reforma do centro, tras realizar a primeira no 2018 e recalcou que o Goberno galego investiu xa neste centro 3,5 millóns de euros en diferentes melloras nos últimos en actuacións. Esta segunda fase, moi demandada pola comunidade educativa, centrarase en melloras de eficiencia enerxética.
No eido educativo a delegada e a alcaldesa coincidiron na necesidade de levar a cabo a instalación dunha sobrecuberta do pavillón neste mesmo centro financiada ao 50% por ambas administracións
Mellora AC-542
No encontro a representante do Goberno autonómico tamén informou á rexedora que a Xunta adxudicou, o pasado mes de maio, a redacción do proxecto de mellora da seguridade e accesibilidade peonil na AC-542 ao seu paso por Betanzos para dar reposta para dar resposta aos veciños desta zona que xa coñecen este proxecto. A representante do Goberno autonómico subliñou que a actuación comprende a mellora da seguridade viaria e da accesibilidade no treito entre o pq 0+000 (intersección coa AC-840) e o pq 2+400 (enlace coa A-6).
O proxecto contempla a habilitación dun itinerario peonil continuo e accesible no treito, cando menos nunha das súas marxes, que cumpra as esixencias para ser considerado adaptado segundo a normativa de aplicación coa execución de beirarrúas que cumpran coas dimensións esixidas na normativa de accesibilidade, naqueles treitos nos que non existan. Ademais, ampliaranse ou reformaranse as beirarrúas naqueles treitos nos que as súas dimensións non cumpran co esixido na normativa de accesibilidade e renovaranse naqueles treitos nos que se atopen nun estado de conservación deficiente.
A representante do Goberno autonómico destacou que dada a relevancia desta actuación o proxecto será sometido a información pública, algo que se fará ao longo deste ano 2024. Neste senso, apuntou que “daremos resposta ás necesidades de mellora da seguridade viaria e accesibilidade neste tramo no menor tempo posible”.
Renovación do firme
Belén do Campo informou tamén á alcaldesa que nunhas semanas iniciaranse as obras de mellora do firme na AC-542 no tramo de Betanzos desde o pq 0+000 ata o pq 5+100. A actuación consistirá na rehabilitación localizada do firme das estradas, restaurando ou mellorando as características superficiais do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade.
A delegada incidiu en que o Goberno galego está a realizar un importante esforzo para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria neste Concello.