A alcaldesa de Betanzos confía en que a Xunta impulse "por fin" a mellora do Vales Villamarín

ACoruñaXa
A rexedora mantivo un encontro co presidente da Xunta, Alfonso Rueda no que o presidente viu “razoables” as demandas municipais betanceiras
Imaxe do CEIP Francisco Vales Villamarin
8 Abr 2024

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, trasladoulle ao presidente en funcións da Xunta, Alfonso Rueda, a necesidade de que se desbloquee a situación do colexio público Francisco Vales Villamarín e que a Consellería de Educación saque a contratación “dunha vez por todas” o proxecto técnico de mellora das instalacións e a súa posterior execución canto antes tendo en conta “xa non só as necesidades estruturais do centro senón, e o máis importante, do alumnado que sofre dentro do propio centro unha discriminación, con alumnado que dispón de aulas actualizadas fronte a outros que seguen ocupando espazos que desde  hai varios lustros non se melloraron”.

Neste sentido, a primeira edil mantivo unha conversa co presidente sobre este asunto  aproveitando a súa presenza  en Betanzos na que María Barral trasladou a súa “preocupación” pola  situación do centro e a longa espera da comunidade educativa e do Concello “polas obras da segunda fase de mellora do colexio”. Barral lembrou que a pesar dos anuncios da Xunta “en varios períodos electorais” nos que anunciaron “primeiro obras e logo proxecto técnico, o que xa reflectía que non había nada, agora a situación segue sendo a mesma, co agravante de que pasou máis tempo”.

Logo do encontro, a alcaldesa amosou a súa satisfacción “porque o presidente entendeu a petición, que ve razoable, despois de tanto tempo polo que, tendo en conta as súas palabras, confío en que, desta vez si, a Xunta dará os pasos necesarios para contratar o proxecto e para logo realizar as obras necesarias”. Barral trasladou o seu malestar porque desde Educación non se atenderon as súas demandas nin as peticións de reunión coa consellería.

Nestes momentos as deficiencias aféctanlle ao pavillón do colexio onde o mantemento que realiza o Concello xa non é suficiente para evitar as “pingueiras que teñen as instalacións e que fan que non poidan ser utilizadas con regularidade”. A iso súmanse as  actuacións da segunda fase de mellora do centro, pendentes desde hai anos. Traballos que afectan ás xanelas, aos illamentos, á renovación de aulas, aos servizos, á ampliación da zona de comedor, que quedaron pendentes e que “a pesar das promesas e anuncios seguen xa non só sen contratarse, senón nin tan sequera programarse”.

0.19829106330872