A alcaldesa de Bergondo pide á Igrexa a venda da Reitoral de Guísamo ao Concello
Este luns viuse abaixo unha parte da fachada da Reitoral de Guísamo. Ante o acontecido o Concello de Bergondo insta á Igrexa, propietaria actual do inmoble, a tomar medidas. "Este derrubamento require, máis que nunca, que a Igrexa tome, dunha vez por todas, a decisión de vender o edificio ao Concello para que nós poidamos rehabilitalo e darlle un novo uso", pediu a alcaldesa socialista Alejandra Pérez Máquez.
A edil dixo que dende o seu goberno levan anos en negociacións coa Igrexa: "A última oferta presentámola o ano pasado. Insistimos en que é imprescindible que sexa unha venta, non unha cesión. A nosa intención é clara, adquirir o inmoble para reformalo por completo e que sexa un espazo de uso para a veciñanza. Agardamos que a Igrexa entre en razón".
Ademais, a alcaldesa sinalou que dentro desa mesma oferta tamén incluiron a compra da reitoral de Lubre, na que tamén pretenden levar ao cabo unha actuación similar.