A 55ª edición do Torneo Concello de Oleiros reunirá a 14 equipos masculinos e femininos durante o mes de agosto

A conta atrás para un dos torneos de fútbol afeccionado con máis tradición da comarca xa está en marcha. O LV Torneo Concello de Oleiros na categoría masculina comezará o mércores 12 de agosto, mentres que a quinta edición do torneo feminino dará o seu pistoletazo de saída o xoves 13. Ambas competicións culminarán coas finais previstas para o 29 de agosto no Campo Municipal Nano García de Iñás.
Como vén sendo habitual, o Concello de Oleiros colaborará coa organización da cita mediante un convenio coas entidades participantes, cun orzamento de 16.050 euros, destinado principalmente aos premios económicos dos clubs e aos gastos organizativos do torneo.
Na competición masculina participarán nove equipos, distribuídos en tres grupos. O Grupo A estará formado por Atlético Perillo, Atlético San Pedro e Mercurio S.D.; o Grupo B por Unión Campestre F.C., Hércules S.D. e Marino C.F.; e o Grupo C por C.D. Obrero, Santa Cruz C.F. e A.D. Cristo Rey.
Pola súa banda, o torneo feminino contará coa participación de cinco equipos: Unión Campestre, Santa Cruz C.F., Marino C.F., C.D. Obrero e Atlético San Pedro.
A primeira xornada da competición masculina disputarase o 12 de agosto ás 20.00 horas, co partido entre Mercurio S.D. e Atlético Perillo en Iñás. Á mesma hora xogaranse tamén os encontros Unión Campestre-Hércules, no campo do Redondo, e C.D. Obrero-Cristo Rey, en Condús. Nesta primeira xornada descansarán Atlético San Pedro, Marino C.F. e Santa Cruz C.F.
No apartado feminino, a competición comezará o 13 de agosto ás 20.00 horas co encontro C.D. Obrero-Marino C.F., en Condús, mentres que o Atlético San Pedro recibirá ao Unión Campestre no Campo Municipal Nano García de Iñás.
O torneo volverá reunir durante varias semanas aos principais clubs de fútbol afeccionado do municipio, consolidándose como unha das citas deportivas máis tradicionais do verán en Oleiros.