40 vivendas públicas en alugueiro en Xuxán estarán listas a finais do verán

ACoruñaXa
A Xunta prevé entregar antes de que remate o ano estes pisos da Coruña, con rendas de entre 160 e 230 euros ao mes
A CORUÑA visita vivendas xuxan
23 Jun 2026

As obras de construción de 40 vivendas públicas no barrio coruñés de Xuxán avanzan coa previsión de quedar rematadas a finais deste verán. A entrega ás persoas adxudicatarias está prevista para finais de 2026, sempre que os traballos continúen segundo o calendario marcado.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou este martes a promoción xunto coa delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e varios dos futuros inquilinos.

Os pisos, adxudicados en réxime de alugueiro, contan con entre dous e catro dormitorios, garaxe e rocho. As rendas mensuais situaranse entre 160 e 230 euros.

O edificio incorpora técnicas industrializadas na fachada e nas terrazas, un sistema que permite reducir prazos de execución. Ademais, a promoción segue o modelo de vivenda pasiva ou Passivhaus, deseñado para acadar unha alta eficiencia enerxética, mellorar o confort interior e reducir de forma notable a necesidade de calefacción e refrixeración.

A actuación conta cun investimento de 7,7 millóns de euros, dos que 5,8 millóns son achegados pola Xunta e 1,9 millóns proceden de fondos europeos.

Allegue tamén lembrou que o vindeiro 14 de xullo está previsto o sorteo doutras 14 vivendas públicas neste mesmo barrio da Coruña.

0.11410999298096