246 novos médicos residentes formaranse nos centros sanitarios da provincia da Coruña

GaliciaXa | ACoruñaXa
Segundo os datos achegados, 105 residentes corresponden á área sanitaria da Coruña e Cee, 107 á de Santiago e Barbanza e 34 á de Ferrol
recepcion-mir-coruña-provincia
13 Jun 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, participaron este xoves en Santiago no acto de benvida aos 246 médicos residentes que iniciarán a súa formación nos centros sanitarios da provincia da Coruña.

O encontro, organizado polo Colexio Oficial de Médicos da Coruña, serviu para formalizar a incorporación dos profesionais ao sistema sanitario galego, na que xa están integrados desde o pasado 5 de xuño. Segundo os datos achegados, 105 residentes corresponden á área sanitaria da Coruña e Cee, 107 á de Santiago e Barbanza e 34 á de Ferrol.

Durante o acto destacouse o esforzo realizado pola Xunta no ámbito da formación sanitaria especializada, que este ano alcanza un investimento superior aos 94 millóns de euros. Trátase da cifra máis alta destinada ata o momento a este ámbito, cun total de 682 prazas convocadas en toda Galicia.

O Executivo galego sinala que a oferta formativa se centra especialmente nas áreas con maior déficit de profesionais, como medicina familiar e comunitaria, saúde mental e enfermería. Ademais, por primeira vez incorporáronse seis prazas da nova especialidade de medicina de urxencias e emerxencias, cuxos residentes xa están en formación dentro do Servizo Galego de Saúde.

A Xunta subliña que esta convocatoria reforza o compromiso co fortalecemento da sanidade pública e co acompañamento aos profesionais durante o seu período de formación nos distintos centros do sistema sanitario galego.

0.44110703468323